Monday 06 de May de 2024

‘A Muiñeira dos Queixas’, xuntou a 282 bailaríns no XXXV Día da Muiñeira de Arteixo


• No Paseo do Balneario déronse cita 32 grupos que pertencían a unha ducia de asociacións: A.C. O Castro, A.C. Xacarandaina, CEIP Ponte dos Brozos, CEIP Arteixo, CEIP Galán, A.C. Nemeth, Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, Agrupación Folclórica Folliñas, A.C. Santa María de Toras, A.C.D. Garrulaxe, Grupo de Baile e Gaitas Santaia e a organizadora A.X. Xiradela.

Numeroso público acudiu a seguir no Paseo do Balneario o XXXV Día da Muiñeira de Arteixo que roganiza a Asociación Xuvenil Xiradela. A cita xuntou a 282 bailadores e bailadoras de 12 asociacións repartidos en 32 grupos. A peza elixida este ano foi ‘A Muiñeira dos Queixas’.

En concreto os grupos que se sumaron ao XXXV Día da Muiñeira de Arteixo son doce: A.C. O Castro (Miño), A.C. Xacarandaina (A Coruña), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP Arteixo (Arteixo), CEIP Galán (Arteixo), A.C. Nemeth (Carballo), Sociedade Recreativa San Xoán de Calo (Teo), Agrupación Folclórica Folliñas (Oleiros), A.C. Santa María de Toras (A Laracha), A.C.D. Garrulaxe (Cecebre – Cambre), Grupo de Baile e Gaitas Santaia (Oleiros), así como o organizador A.X. Xiradela (Arteixo).

A muiñeira elixida recolleuse en Cerceda

Como é habitual no Día da Muiñeira a peza seleccionada, nesta ocasión ‘A Muiñeira dos Queixas’, bailuse tres veces con descansos entre cada representación. Este tema recolleuse ao cuarteto ‘Os Queixas’ da parroquia de Queixas en Cerceda. Este grupo estaba liderado polo gaiteiro Manuel Gende.

Nesta cita dominical, organizada pola A.X. Xiradela colaboraron o Concello de Arteixo, Vegalsa, Comercial Sánchez Vados, así como a Policía local e Protección Civil do municipio arteixán.

Desde 1987, cada mes de xuño

Desde xuño de 1987 o mes de xuño a A.X. Xiradela propón esta cita cultural e social na que se busca realzar a peza máis emblemática do noso folclore: a muiñeira.

Como en ocasións previas, o acto abriuse cun desfile das asociacións participantes que transcorreu polo paseo fluvial desde o Pazo dos Deportes ata o Paseo do Balneario. Chegados alí, xa cos grupos de baile nos seus respectivos lugares, o grupo de gaitas da A.X. Xiradela interpretou a peza unha vez para que os bailaríns poidan familiarizarse con ela. Posteriormente xa se procedeu a bailar ‘A Muiñeira dos Queixas’ en tres ocasións con descansos entre cada unha delas.

Ao final da cita as asociacións participantes recibirón un recordo pola súa intervención no XXXV Día da Muiñeira. Tamén se repartiu unha merenda aos bailaríns.

Ademais da posta en valor da muiñeira, ritmo chave na tradición musical do folclore galego, a cita supón unha ocasión para a convivencia das diferentes agrupacións que toman parte na cita que gozan xuntas de música e baile tradicional.

QUEN SOMOS

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no municipio de Arteixo (A Coruña), nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo libre, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por unha banda difundir o noso traballo, e por outro, axudar a promover a socialización dos mozos con xente doutras asociacións.

Esta asociación supera os 40 anos de existencia. Comezou impartindo baile tradicional, e logo ampliou a oferta ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión, entre outras.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cancións, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos antepasados, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posible á máis pura tradición galega.

A A.X. Xiradela celebra anualmente un concurso de música tradicional e, desde o ano 1987, celebra o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailaríns da peza máis emblemática do noso folclore.